O impulso que precisas. Aprende, crea e medra
Axudo a emprendedores coma ti a ter unha presenza online optimizada. Con estratexia e visión a longo prazo.
Vouche contar un pouco a miña vida, así que mellor senta e coller algo de beber
De onde vén Medra e por que existe?
O camiño dos negocios en Internet non é sinxelo. Sei ben do que falo porque eu tamén pasei por iso. Son Anxo Sánchez, deseñador web, consultor e mentor.
Durante anos axudei a autónomos e pequenas empresas a crear as súas páxinas web e facer que os seus negocios fosen rendibles en Internet. Co tempo, comecei coa formación en márketing dixital en masters, fundacións, empresas e eventos do sector, ensinando a outros o que realmente funciona.
Nese proceso naceu Medra.
Inicialmente foi unha academia online para emprendedores, pero non funcionou como esperaba. Porque os negocios evolucionan.
Porque Internet cambia.
Así que tomei unha decisión: transformar Medra nunha marca máis grande, na miña propia plataforma para axudar a negocios e emprendedores non só con cursos, senón unificando os servizos de deseño web, consultoría e acompañamento.
Medra xa non é só formación.
É o punto de encontro para quen quere facer medrar o seu negocio en Internet.
E como cheguei ata aquí?
No lonxano 2017 uns compañeiros e eu decidimos crear unha empresa.
Así. Da nada. Por probar. A ver que salía. Quedáramonos sen traballo e pareceunos unha boa idea.
Que sabiamos facer? Cacharradas cos ordenadores e con Internet porque iso era o que estudaramos. E tamén do que traballaramos. Mantemento de computadoras, redes de equipos, páxinas web…
Spoiler. Saiu mal.
Non sabiamos nada de negocios. Cando digo nada é nada. Non tiñamos nin idea de márketing, nin de vendas, nin de xestión de clientes… de nada!
A nosa única preocupación era como nos iamos chamar. Fíxate ti que trangallada visto con perspectiva.
A cuestión é que iso foi ao tacho nun ano e en 2018 collín impulso e decidín ficar só facendo o que máis sabía, sitios web en WordPress.
Quería axudar a persoas emprendedoras, a freelances, a empresas e a organizacións a comunicar de que xeito poden aportar valor a outros. Collelos da man para abrir unha canle online que lles axudase a aumentar os ingresos e vivir mellor.
Dese xeito lancei a miña marca persoal (anxosanchez.com), a miña web e un blog.
Desta volta funcionou ben. Moi ben.

Que é Medra hoxe?
Medra é unha marca que ofrece servizos de márketing e deseño web, formación práctica e acompañamento para negocios dixitais.
- Servizos profesionais de deseño web e tendas online. Sitios web optimizados para converter visitantes en clientes.
- Formación en márketing dixital e estratexia online. Cursos prácticos sobre visibilidade, conversión e vendas.
- Consultoría personalizada para negocios. Análise, estratexia e solucións concretas adaptadas a cada cliente.
- Mentorización para emprendedores. Axudo a negocios a estruturar a súa estratexia e acelerar resultados.
- As Conversas de Medra. Un podcast con profesionais de márketing, negocios e emprendemento.

O equipo de Medra
Aínda que eu siga sendo a cara visible, Medra non é só Anxo.
Para ofrecer o mellor servizo colaboro con outros profesionais especializados en áreas como deseño gráfico, contidos, publicidade, estratexia ou posicionamento web SEO.
Porque un negocio non se constrúe só.
E porque Medra non é unha axencia ao uso, pero tampouco un proxecto unipersoal. É unha rede de expertos que che axudan a conseguir resultados reais.
Podes comprobar que os cursos están creados por múltiples perfís.
E por qué deberías confiar?
O mundo online está cheo de promesas e estratexias máxicas. Aquí non hai fume nin atallos.
- A túa web está realmente optimizada para atraer clientes?
- Os teus produtos ou servizos están presentados de xeito atractivo?
- Como podes diferenciarte da competencia e destacar online?
- Cales son os mellores canais para captar clientes no teu sector?
Se buscas unha marca que che venda soños e che engane con ingresos pasivos en dúas semanas, este non é o lugar.
Pero se queres un acompañamento real, un servizo profesional e un enfoque que parte da honestidade, escríbeme!

Se chegaches ata aquí abaixo... parabéns!
Un poquiño de rexoubeo, agora que non nos ve ninguén
- Nacín na Coruña. Crecín, estudei, traballei e vivín alí (case) toda a miña vida.
- E por amor agora vivo nunha parroquia de Lugo... que cousas!
- Teño dous gatos: Deli e Nécora. Deli é o diminutivo de Delicioso.
- Son abonado e seareiro deportivista. Cada 15 días ocupo o meu asento para desfrutar dun gran asasinato futbolístico. Ah, e son Lendoirista :D.
- Saquei o carnet de conducir tarde, mais me gusta coller o coche. En Twitter cancelaríanme por "cochista".
- Gústame moito comer. Penso que é o maior pracer do ser humano.
- Son galegofalante desde os 16 anos. Ah, e antes chamábame "Ángel". Isto non o sabe moita xente.
- Estudei na universidade, mais non a rematei porque fun parvo e non me centrei. Fixen un ciclo superior.
- Levo sendo autónomo desde 2018. A mellor decisión da miña vida. Antes fun técnico informático nalgunhas empresas, profe de informática e outras cousas non relacionadas cos ordenadores.
- Tiña a web en castelán e galego, mais borrei toda a parte en castelán cando refixen o deseño.
- Gústame camiñar polo monte e estar a rentes do mar.
- Estou indo a clases de acordeón, e gustaríame saber bailar e tocar a pandeireta.
- Tamén botar unhas partidas online a diferentes xogos. Pero aquí non hai fibra así que non podo.
- Son Axente Dixitalizador do Kit Dixital… pero non me preguntes a miña opinión do programa hehe.
Anxo fixo a web para o noso proxecto de circo, Atípico, con sede en Vigo. Fixemos unha entrevista inicial para valorar se as enerxías encaixaban, e axiña comezamos a traballar xunt@s. Todo o proceso foi moi dinámico, rapidísimo (en dous meses estaba todo rematado!) e o resultado, super satisfactorio.
Sen dúbida, o que máis me gustou de traballar con Anxo foi que entendeu á perfección, dende o principio, os valores do noso proxecto e o que imaxinabamos para a nosa web. Soubo trasladar a nosa identidade á páxina moito mellor do que poderiamos esperar.
Grazas á nosa web temos agora un marabilloso escaparate do que facemos e de quen somos. Axúdanos a posicionarnos como negocio e a ter visibilidade tanto cos nosos clientes como coas institucións cando solicitamos axudas.
Por todo iso, só podemos recomendar a Anxo, que aínda hoxe segue dispoñible para resolver as nosas dúbidas e acompañarnos sempre que o precisamos.
Para facer a páxina web do Recuncho Gamer, Anxo sacoulle o partido para poder levar o traballo que desenvolvemos en Youtube á web para poder organizar o contido con maior flexibilidade, ademais de poder contar cun espazo onde dar a coñecer todas as facetas do noso proxecto. Destaco o proceso co que traballou Anxo para axustar as necesidades do noso proxecto e as solucións e aportacións que deu para a parte visual e organizativa da web.

