Cambiar o botón de “Engadir ao carriño” por “Ver produto” é un truco sinxelo e para toda a familia que podes facer na túa tenda online con WooCommerce.
A que vén isto?
Explícoche.
Como funciona o botón de cada produto na páxina da tenda?
O funcionamento por defecto de WooCommerce cando estamos a navegar pola páxina da tenda ou nos diferentes arquivos de categorías, atributos, etc. é o seguinte, e depende do tipo de produto diante do cal nos atopamos:
- Se estamos diante dun produto simple, o seu botón asociado deixarache engadilo directamente ao carriño.
- Se estamos diante dun produto variable, o seu botón asociado permitirache ir á súa ficha de produto para poder ver as súas características e elixir os seus atributos.
- Se estamos diante dun produto agrupado, o seu botón deixarache ir á ficha de produto e escoller cales dos produtos que forman a agrupación queres comprar.
- Se estamos diante dun produto externo ou afiliado, o seu botón permitirache ir á páxina externa desde onde comprar o produto.
- E, por último, independentemente do tipo de produto, se é virtual, o botón asociado deixarache ir á súa ficha de produto.
É posible que este funcionamento sexa útil nalgúns casos, por exemplo en supermercados onde non fai falta entrar na ficha de produto para comprar pois xa temos claro a priori que queremos, pero confuso noutros.
Cada produto ten asociado un botón cun comportamento distinto, e o cliente non ten por que entender cando é dun xeito e cando doutro.
De feito, penso que o máis cómodo de entender é que o botón, independentemente de que tipo de produto sexa, vaia á ficha de produto correspondente. Isto é o que pasa cando fas clic na foto destacada.
E repito, sempre que a túa tenda precise este comportamento e non outro.
Cambiando o botón de “Engadir ao carriño” por “Ver produto”
E entón, como podo substituír o botón co funcionamento que comentamos arriba por outro que simplemente che deixe entrar na ficha do produto?
Pois terías que engadir dúas funcións.
Debes abrir o arquivo functions.php desde o administrador de WordPress. Atoparalo en Aparencia -> Editor de temas. Lembra que debes ter un tema fillo instalado para que os cambios non se borren.
/**
* Desactivamos o botón por defecto “Engadir ao carriño”
*/
remove_action('woocommerce_after_shop_loop_item', 'woocommerce_template_loop_add_to_cart', 10);
Con esta primeira función desactivo o botón por defecto.
/**
* Creamos o novo botón no lugar onde se atoparía o outro
*/
function cambiar_boton_ver_produto() {
global $product;
$link = $product->get_permalink();
echo '<a href="' . $link . '" class="button addtocartbutton">Ver produto</a>'; //creamos a ligazón cunha clase botón
}
add_action('woocommerce_after_shop_loop_item', 'cambiar_boton_ver_produto', 10);
Con esta segunda función o que fago é engadir un botón asociado a cada produto co texto “Ver producto”.
Conclusión
Outra función de WooCommerce que pode ser útil nalgúns intres.
Dependerá do teu negocio e como naveguen e compren os teus clientes.
Como o ves? Gústache máis este funcionamento ou o que está por defecto?