"O obxectivo non ten por que ser chegar sempre a todo o mundo. Prefiro chegar a menos pero comprometidos"
Borxa é o administrador de Orgullo Galego, a comunidade en galego máis grande de todo Internet. As súas cifras son excepcionais: máis de medio millón de seguidores entre todas as redes. Un fito para a nosa lingua.
Crear un proxecto de éxito en redes sociais non é tarefa sinxela. Adoita levar moito tempo e constancia. Se ademais ese proxecto está nunha lingua que ten un espazo reducido na rede, o reto é aínda máis difícil. Porén, de cando en vez, existen iniciativas que colleitan o éxito. Orgullo Galego é unha delas.
Nesta conversa falamos con Borxa Castro, traballador social e creador e administrador da comunidade de Orgullo Galego, a máis numerosa de todo Internet.
Tratamos o nacemento dun proxecto como este. Que levou a unha persoa a iniciar este camiño e que obxectivos tiña marcados desde o inicio? En ocasións o éxito é un obxectivo desde o inicio e, noutras, chega sen buscalo a consecuencia do traballo ben feito.
Profundizamos nos tipos de contidos a publicar para conseguir alcance e interacción. Que temas son os que máis funcionan en Orgullo Galego? Como adapta as publicacións grazas ao feedback que dan os propios usuarios?
Abordamos a adaptación que hai que levar a cabo en Internet ao longo dos anos. As redes coas que comezou o proxecto en 2016 mudaron moito e outras, nas que actualmente se ten un éxito considerable, daquela non existían ou eran minoritarias. Os formatos cambiaron e os contidos a publicar tamén.
Por último, comentamos algunhas claves nestes 9 anos de vida: constancia, planificación e estratexia. Sen esquecernos dunha pregunta moi repetida, pódese vivir das redes sociais?
Esta conversa é para ti se queres coñecer de primeira man o testemuño dunha persoa que lle escribe diariamente a medio millón de persoas en redes sociais.
Non coñeces Orgullo Galego? Esta é a súa web.