Unha vez configuraches a túa tenda online con WordPress e WooCommerce, estás preparado para vender a todos os recantos do mundo.
Mais hai un problema. Fuches a configurar as opcións de envío e, por defecto, quedáronche escasas.
Si, é certo que podes crear diferentes tipos de envío para distintas áreas xeográficas. É dicir, se vendes a varias rexións, podes indicar que prezo fixo teñen os diferentes tipos de envío a esta localización.
Un exemplo típico sería ter un envío estándar (máis barato) e un envío urxente (máis custoso).
Aínda así, estarás de acordo en que isto pode non ser abondo para todos os casos. Que ocorre se o prezo do paquete depende do que pese? Vale igual o envío se vendes unha camiseta de 150 gramos que un ordenador de varios quilos? Ou outro exemplo, vale igual o envío se compro 5€ que 500€?
Móstroche un plugin que te axudará a solucionar estes problemas.
Instala o plugin Flexible Shipping
Terás que instalar o plugin Table Rate for WooCommerce by Flexible Shipping, que se encontra no repositorio de WordPress. A versión gratuíta será máis que suficiente para o propósito que buscamos neste artigo.
Este complemento fai exactamente o que di o título deste artigo, permite calcular os custos de envío no teu WooCommerce en función do peso e/ou prezo total do carriño.
O seu funcionamento é sinxelo. Desde a opción de envíos de WooCommerce, poderás engadir un novo tipo de envío para cada zona xeográfica que teñas configurada.
Poderás agregar títulos e descricións aos envíos e configurar tantas regras como sexan precisas.
O prezo do envío segundo o peso dos produtos
Para engadir un tipo de envío Flexible Shipping, debes situarte nunha das zonas de envío creadas na túa tenda online e escoller a opción correspondente.
A seguir, poderás darlle un nome a cada configuración de envío, que nos axude a identificala no futuro. Se só tes un ou dous tipos de envío, talvez non che interese, mais… e se configuraches decenas deles?
Unha vez gardado o nome e o cargo de impostos, simplemente terás que comezar a insertar as opcións para cada escenario posíbel. Preme en “Add New”.
Podes engadir datos nos seguintes campos:
- Enable/Disable: marca esta opción se desexas activar este tipo concreto de escenario.
- Method Title: título do envío que verá o cliente na páxina de pagamento. Este campo é opcional.
- Method Description: descrición do envío que verá o cliente na páxina de pagamento. Este campo é opcional.
- Free Shipping: indica o prezo total a partir do cal o envío será gratuíto. Esta opción sobrescribe as regras que configures máis abaixo. Este campo é opcional.
- Free Shipping Label: título que se lle mostra ao cliente se o envío é gratuito. Este campo é opcional.
- Rules Calculation: indica a maneira en que se calcularán as regras dos prezos. Se non pagas a versión PRO, só poderás seleccionar “Sum”.
- Visibility: marca esta opción se este escenario estará dispoñíbel só para usuarios logueados.
- Default: marca esta opción se este escenario é o que se usará por defecto.
- Integration: non hai posibilidade de integracións externas se non pagas a versión PRO.
E xa che quedarían unicamente as regras, que neste caso dependerán do peso:
- Base on: parámetro no que se basea o cálculo (peso).
- Min: peso mínimo para a regra concreta.
- Max: peso máximo para a regra concreta.
- Cost per order: prezo para cada regra concreta.
Lembra que as unidades de peso (gramos ou quilogramos) serán as que ti indicaches na configuración da tenda.
O prezo do envío segundo o prezo dos produtos no carriño
Os pasos serán os mesmos que no capítulo anterior, mais neste caso a configuración irá en función do prezo total dos produtos do carriño.
- Base on: parámetro no que se basea o cálculo (prezo).
- Min: prezo mínimo para a regra concreta.
- Max: prezo máximo para a regra concreta.
- Cost per order: prezo para cada regra concreta.
Conclusión
Por sorte, a comunidade de WordPress é tan ampla e activa que as posibilidades de encontrar un plugin que se adapte ás nosas necesidades son moi altas.
E creo que, se falamos de tendas online e envíos dos produtos que temos á venda, cómpre valorarmos esta solución. Mellora de xeito notábel os envíos e a súa xestión na nosa tenda online.
Que che parece?