Pasarelas de pagamento en WooCommerce. Os métodos de pagamento na túa tenda online con WordPress

O momento de abrires en Internet a túa tenda online, que con tanto agarimo planificaches e deseñaches, é moi especial. Mais antes de que ese momento chegue, déixame dicirche que non debes esquecer un dos pasos máis importantes na configuración do teu WooCommerce: instalar e configurar as pasarelas de pagamento.

E é que ademais de ser unha das configuracións máis importantes da túa tenda online, as dúbidas sobre a instalación dunha pasarela de pagamento online adoitan ser as primeiras que me trasladan os clientes nas reunións que realizamos.

Porque ter un bo produto, segmentado e preparado para o teu cliente idea, é ideal. Mais non o é menos pensar o tipo de pagamentos que vas aceptar e con que ferramentas o farás.

Ao final, non nos enganemos, o teu obxectivo ao abrires unha tenda online é vender. E que ese proceso sexa limpo, inuitivo e que teña os menores pasos posíbeis é importante para que os potenciais clientes non fuxan antes de deixaren o seu diñeiro.

Vouche presentar a continuación os procesadores de pagamento por Internet máis usados. As formas de pagamento máis comúns que se empregan en WooCommerce, e que ti terás que integrar (algúns) na túa web.

A única condición para que funcione algún deles é ter instalado un certificado de seguranza SSL.

A túa web aínda non ten o HTTPS instalado? E a que esperas? Corre e dille ao teu hosting que cho active. E se che cobran polo máis básico (Let’s Encrypt), fuxe desa empresa.

Imos aló.

Métodos de pago WooCommerce

As formas de pagamento máis comúns e os métodos por defecto

Unha vez realizada a instalación de WooCommerce no teu WordPress, inclúense catro métodos de pagamento, que veñen de serie sen necesidade de pór outro plugin na túa tenda online:

  • A transferencia bancaria: o teu cliente transferirache diñeiro a unha conta da túa propiedade que lle indiques.
  • O pagamento por cheque: unha opción offline en desuso que pode servir de proba para ver como funciona o formulario de compra.
  • O contra reembolso: os clientes deben realizar o pagamento no momento da entrega do produto. Outra opción que non adoita ter moita utilidade actualmente en tendas online.
  • PayPal: redirixe os teus clientes á plataforma PayPal para que realicen o pagamento.

Como puideches ler, das catro opcións que WooCommerce nos propón, dúas delas é posíbel que non as empregues nunca.

E dígoche máis. Aínda que a transferencia bancaria é útil, xa hai tendas online en que os modelos de negocio levan a ter que prescindir dese método, ao non ser escalábel nin automático.

Ao cabo, tes que comprobar se che ingresaron o diñeiro e modificar manualmente o estado do produto a ‘Procesando’ ou a ‘Completado’, e iso segundo como xestiones os pagamentos, os produtos, os envíos e os propios clientes, pode non ser óptimo.

Vouche ensinar non só a configurar os métodos que acabo de nomear, senón tamén a instalar a pasarela de pagamento en WordPress con tarxeta de crédito/débito e outros métodos de pagamento, como Google Pay, Apple Pay ou Amazon Pay.

Pagamento mediante transferencia bancaria en WooCommerce

A transferencia bancaria pode ser un dos tipos de pagamento máis coñecidos e comúns nunha tenda online, mais tamén un dos máis lentos.

O funcionamento é simple.

Ao seleccionares esta modalidade, o pedido encóntrase á espera até que o cliente realiza a transferencia bancaria á túa conta polo importe e co concepto que ti lle debes indicar na tenda online.

Unha vez que a realiza e comprobas que é certo (mediante un xustificante, por exemplo), poderás xestionar o estado do pedido e enviar o produto.

A configuración non precisa instalar ningún plugin adicional e simplemente debes entrar na opción ‘WooCommerce’ => ‘Pagamentos’ e pulsar na opción ‘Configuración’ asociada á transferencia bancaria.

Unha vez que te sitúas dentro das opcións de configuración, debes completar:

  • Activar/desactivar: activa ou oculta este método aos teus clientes.
  • Título: o nome que se mostrará ao cliente á hora de elixir o tipo de pagamento. Habitualmente, apenas deberás indicar ‘transferencia bancaria’.
  • Descrición: inmediatamente debaixo do título podes indicar unha breve descrición, por se for preciso aclarar algún concepto.
  • Instrucións: se o cliente elixe esta modalidade de pagamento, podes indicarlle o que debe facer. Por exemplo, adoita ser habitual dicirlle que che envíe un xustificante do pagamento, ou que na transferencia indique o número do pedido. Estas instrucións mostraranse na páxina de agradecemento e serán enviadas por e-mail.
  • Detalles da conta: información a mostrar ao teu cliente co nome do titular da conta, IBAN e outros datos adicionais cando sexan necesarios.
Transferencia bancaria WooCommerce
Configuración da transferencia bancaria en WooCommerce

Pagamento mediante cheque bancario en WooCommerce

Fáloche deste método de pagamento porque está presente por defecto na instalación da túa tenda online, mais con certeza non vai ser o que ti precises no teu proxecto, salvo que traballes certos nichos de mercado moi específicos.

Encóntrase en desuso no mundo online e a súa configuración non require de nada especial. Se o activas, o teu cliente poderá seleccionalo e deberá seguir as instrucións que lle indiques.

É un método de pagamento non automático, así que debes estar atento a que chegue o cheque e cobralo para poder completar o pedido.

Se entras na configuración do método, encontrarás os siguientes campos:

  • Activar/desactivar: se queres que os teus clientes poidan utilizar este método, debes marcar este espazo e activalo.
  • Descrición: como no caso anterior, podes aclarar calquera concepto mediante un pequeno texto, que o cliente poderá ler á hora de escoller a pasarela de pagamento.
  • Instrucións: podes indicar certas instrucións ao cliente, que poderá ler na páxina de agradecemento pola compra e no e-mail que recibirá.
Pago por cheque WooCommerce
Configuración dos pagos por cheque en WooCommerce

Pagamento mediante contra reembolso en WooCommerce

Como funciona o pagamento contra reembolso en WordPress é unha das preguntas que che poden vir á mente á hora de analizares esta modalidade de pagamento.

É moi sinxelo de configurar, mais á vez pouco útil para escalar e automatizar os pagamentos da túa tenda online, xa que ao popularizarse os métodos de pagamento de aceptación automática (que che mostrarei a seguir), poucas situacións xustificarían un pagamento contra reembolso.

Aínda así, WooCommerce dáche a opción de activares este pagamento, onde o cliente abonaría o total da compra no momento de recibir  o seu produto.

Su configuración es casi tan fácil como los que vimos anteriormente:

A súa configuración é case tan fácil como os que vimos anteriormente:

  • Activar/desactivar: se quixeres activar o pagamento mediante contra reembolso, deberás activar esta opción.
  • Título: o nome do método de pagamento concreto. Habitualmente será ‘contra reembolso’ ou ‘paga na tenda’, por exemplo.
  • Descrición: como xa vimos, é o texto que se lle mostrará ao cliente na páxina de pagamento acompañando o título, que lle describe brevemente de que se trata.
  • Instrucións: se o cliente elixe este tipo de pagamento, na páxina de agradecemento pola compra e mediante correo electrónico, podemos indicarlle unha serie de instrucións.
  • Activar para métodos de envío: unha opción nova que non che mostrei até agora. Podes seleccionar a que métodos de envío se aplica esta modalidade de pagamento. Por exemplo, podes activalo só para pedidos recollidos na tenda/local.
  • Aceptar para pedidos virtuais: podes aceptar ou non contra reembolso se o pedido é virtual. Isto pode servirche, por exemplo, se vendes un servizo que se ha de pagar no momento da súa realización.

Como integrar PayPal en WooCommerce

PayPal é un servizo que permite implementar un sistema de pagamentos e transferencias en liña, que se poden realizar sen necesidade de compartir información financeira, como por exemplo sería un número de conta bancaria.

É unha modalidade de pagamento segura e bastante estendida, que lles permite aos teus clientes realizaren compras tendo a man unha tarxeta de débito ou crédito. E o mellor é que a integración en WooCommerce de PayPal é nativa, vén por defecto.

Iso significa que non vas necesitar instalar ningún plugin de PayPal e simplemente deberás configurar as opcións necesarias para integrar PayPal en WooCommerce.

Un simple matiz.

Existen diferentes tipos de pagamentos por PayPal, atendendo á súa seguranza e rapidez: PayPal Express, PayPal Pro e PayPal Estándar. Centrareime neste último, porque é o módulo que WooCommerce incorpora por defecto.

PayPal Estándar é máis que abondo para a maioría de tendas online de emprendedores ou pequenas empresas. O único problema que lle vexo é que á hora de realizar o pagamento, o teu cliente será redirixido automaticamente a unha páxina de pagamento do propio PayPal, saíndo así da tenda.

Isto podería, nalgúns casos, despistar o teu cliente e restarlle confianza, ao levalo a pagar a outra páxina. Teno en conta simplemente e revisa que non caian as conversións por isto.

Configurar a túa conta de PayPal

Debes ter unha conta activa en PayPal para comezar a recibir pagamentos a través desta pasarela de pagamento.

Para iso, debes crear unha nova conta de PayPal para empresas, pensada para recibir cobros de negocios que venden por Internet. É gratuíta e só debes indicar uns datos básicos para comezar.

Acceso de API a Paypal

Un dos datos que debes apuntar da túa conta de PayPal para posteriormente integralo en WooCommerce é a clave API.

Como falamos no artigo onde che ensinei todas as configuracións de WooCommerce para WordPress, unha API é un conxunto de funcións ou métodos programados que ofrece unha biblioteca de programación e que poden ser empregados por terceiros.

Para procesar os reembolsos a través de PayPal, por exemplo, debes obter as súas credenciais API. Para iso, accede á ‘Configuración da Conta‘ → ‘Pagamentos en sitio web‘ → ‘Acceso de API

API PayPal
Entra á API de PayPal

A seguir, escolle a opción ‘Integración das API NVP ou SOAP (clásicas)‘.

API NVP o SOAP Paypal
Integración API

Por último, copia nun lugar seguro o Nome de usuario de API, o Contrasinal de API e a sinatura, para os utilizar despois.

Token de identidade de PayPal

É interesante tamén apuntar o código token de identidade de PayPal, que permite que WooCommerce identifique automaticamente os pagamentos realizados polos clientes sen necesidade do IPN de PayPal.

É dicir, noutras palabras, para entendernos, cando un cliente realiza o pagamento dunha compra, faino desde fóra da túa páxina web; realízao na páxina de PayPal, como che indiquei antes.

Grazas ao token de identidade de PayPal, o teu WooCommerce entenderá eses pagamentos realizados fóra da túa web.

Desde a opción ‘Pagamentos en sitio web‘ que vimos antes, selecciona ‘Preferencias de sitio web‘.

Preferencias de sitio web Paypal
Preferencias de Sitio Web

Debes activar a opción ‘Transferencia de datos de pagamento’ e copiar o código do token

Token de identidade Paypal
Copia o token de identidade de PayPal

Redirección automática despois de realizar o pagamento

A última opción interesante da que che vou falar é da redirección automática desde a páxina de PayPal á túa páxina web.

É moi interesante que o cliente, unha vez realizado o pagamento na páxina de PayPal, volva á túa tenda online. A ti non che interesa, estratexicamente, que se vaia da túa web máis do preciso.

A solución para isto é configurar en PayPal unha páxina de retorno, á que o teu usuario será levado unha vez o trámite de pagamento finalice.

Para configurala, sitúate na opción ‘Pagamentos en sitio web‘ → ‘Preferencias de sitio web‘ e procura ‘Retorno automático para pagamentos no sitio web‘.

Retorno automatico sitio web Paypal

Unha vez activada a opción, déixache indicar unha URL. O meu consello é que sexa do seguinte tipo:

https://[tu-dominio.com]/checkout/order-received/?utm_nooverride=1
  • Checkout/order-received móstralle ao teu cliente un aviso de pedido recibido na túa propia páxina web.
  • ?utm_nooverride=1 indícalle a Google Analytics que non conte unha nova visita.

As opcións de PayPal Estándar no teu WooCommerce

Creada xa a conta de PayPal e apuntados os datos pertinentes, é hora de configurar a pasarela de pagamento no teu WooCommerce.

Para iso, accede á configuración de PayPal desde ‘WooCommerce‘ → ‘Pagamentos‘ e premendo na opción ‘Configuración‘ de PayPal, encontrarás as seguintes opcións:

  • Activar/desacticar: se quixeres activar PayPal Estándar, deberás ter marcada esta opción.
  • Título: indica un título para este método de pagamento. Habitualmente será ‘PayPal’.
  • Descrición: podes indicar unha descrición para este método de pagamento.
  • Correo electrónico de PayPal: debes indicar o e-mail co que rexistraches a túa conta de PayPal.
  • Contorno de probas de de PayPal: se o activas, pódese usar a zona de probas de PayPal. Para iso, debes crear unha conta de desenvolvedor. Se non tes coñecementos avanzados, non o marques.
  • Rexistro de depuración: podes gardar un log de eventos de PayPal no teu servidor con propósitos de depuración. Eu non o marcaría, excepto que queiras utilizalos para realizar algunha comprobación. E unha vez comprobados, debes borralos.
  • Avisos por correo electrónico de IPN: podes recibir avisos mediante e-mail ao administrador da tenda cando se reciben reembolsos, devolucións e cancelacións.
  • Correo electrónico do receptor: se o teu correo principal de PayPal é diferente ao indicado arriba, deberás introducilo aquí. Por norma xeral, adoitan coincidir.
  • Token de identidade de PayPal: lembras que falamos del antes? Pois é a hora de insertar o código aquí.
  • Prefixo de factura: podes introducir o prefixo de factura de PayPal. Se tes varias tendas, lembra pór prefixos diferentes para diferencialas.
  • Detalles de envío: se estás utilizando PayPal, para as etiquetas de envío podes indicarlle a PayPal que colla eses datos en lugar dos de facturación indicados polo cliente. Eu deixaríao activado.
  • Sobrescribir a dirección: déixao desactivado, excepto que saibas o que fas.
  • Acción de pagamento: elixe se desexas capturar o pagamento inmediatamente ou non. A miña recomendación é que o captures.
  • Estilo de páxina: podes introducir certas mudanzas na páxina de pagamento de PayPal, en base a estilos que eles che dan a escoller. Actualmente, esta opción non está dispoñíbel en PayPal.
  • URL da imaxe: indica unha imaxe, que aparecerá na parte superior da páxina de pagamento de PayPal. Eu sempre coloco o logotipo da tenda, xa que adoita dar confianza ao teu cliente.
  • Nome de usuario da API de produción: indica o nome de usuario da API que apuntamos anteriormente.
  • Contrasinal da API de produción: indica un contrasinal da API que apuntamos anteriormente.
  • Sinatura da API de produción: indica a sinatura da API que apuntamos anteriormente.

E así terías configurado o teu pagamento con PayPal. Parece difícil, mais non o é.

Comisións de PayPal en España

E non esquezas o custo da pasarela de pagamento, así que ten presentes as comisións de PayPal España.

A tarifa actual para vender con PayPal son 2,90 + 0,35€ por transacción.

Pagamento con Stripe en WooCommerce

Un dos servizos máis empregados para integrar o pagamento con tarxeta na túa web é Stripe. Ademais, a miña experiencia dime que é unha das mellores maneiras de cobrar con tarxeta de crédito online.

Recoméndoo.

Stripe é unha plataforma de pagamentos mediante a que podes conectar a túa páxina web cunha conta bancaria para procesar pagamentos e comezar a vender produtos. É independente do teu banco; isto é un matiz importante, que o diferencia da pasarela de pagamento Redsys, da que che falarei a continuación.

Existen algunhas diferenzas entre Stripe e PayPal, mais eu vouche comentar catro delas:

  • O pagamento está integrado na propia páxina web. É dicir, o teu cliente non será redirixido a outra páxina web externa á túa tenda para procesar o pagamento. Isto é interesante, porque evita algunha posíbel desconfianza do cliente e aforra un paso, o que pode evitar conversións.
  • As comisións son máis baixas.
  • Non actúa como unha conta coa que operar online. Non é un moedeiro no que poidas subir diñeiro e operar desde el noutras tendas. É, simplemente, a ferramenta que permite capturar o pagamento e envialo á túa conta bancaria.
  • O teu cliente non sabe a través de que plataforma se vai xestionar o seu pagamento. Nin falta que fai que o saiba.

O plugin de Stripe para integrar o pagamento con tarxeta na web

Para integrar Stripe en WooCommerce debes instalar un plugin. É indispensábel se queres activar esta pasarela de pagamento en WorPress, porque non é un método que estea integrado por defecto na instalación de WooCommerce, como si estaban os anteriores.

Mais isto non é problema, facendo unha procura rápida no repositorio de plugins de WordPress podes encontrar moitos relacionados dalgunha maneira con Stripe.

Eu adoito quedar con WooCommerce Stripe Payment Gateway, que está desenvolvido polo equipo de WooCommerce e, aínda que non goza da máxima puntuación por parte dos usuarios, o seu funcionamento mellorou co tempo.

Por último, este plugin inclúe compatibilidade con Apple Pay e Google Pay, o que significa que se queres permitir que os teus clientes paguen co seu ID de Apple ou desde Chrome con datos de Google, podes configuralo tamén sen instalar outro plugin adicional.

Configurar o plugin de Stripe en WooCommerce

Se instalaches e activaches o plugin, na opción de pagamentos de WooCommerce, desde onde fuches configurando o resto de pasarelas que che mostrei, aparecerán bastantes posibilidades máis ligadas ao Stripe.

Metodo de pago Stripe WooCommerce
Activa só o módulo que precises

Salvo que precises algunha das outras de xeito específico, só debes configurar e activar ‘Stripe – Tarxeta de Crédito (Stripe)‘, mais para iso antes debes crear unha conta nesa plataforma.

Configurar a túa conta de Stripe

Crear unha conta é de balde. Simplemente debes entrar na súa páxina web e indicar uns datos básicos.

Se queres comezar a operar inmediatamente, terás que activar a túa conta; para iso, hai que indicar a dirección comercial da túa empresa, o tipo de empresa, representantes, información bancaria e activar a autenticación en dous pasos, por seguranza.

Unha vez indicada esta información e activada a conta da túa empresa, poderás acceder a todas as opcións que nos dá Stripe para controlar os pagamentos, consultar os balances ou revisar os clientes.

Dashboard Stripe
Panel de control de Stripe

Non é o obxectivo desta entrada revisar en detalle todas as opcións que trae Stripe na súa plataforma, porque poderás coñecelas simplemente navegando e utilizándoa, senón ver que opcións son as necesarias para ligalo con WooCommerce.

Para iso precisas, en primeiro lugar, obter as claves API de Stripe.

No menú da esquerda, selecciona ‘Desenvolvedores‘ → ‘Claves de API‘. Poderás ver que no cadro ‘Claves estándar‘ hai dúas claves, unha publicábel e outra secreta. Apúntaas nun lugar seguro para empregalas despois.

Token de identidade Paypal
Claves publicable e segreda de Stripe

Antes de acabar aquí, direiche que Stripe pode funcionar en modo probas.

Isto quere dicir que tes a posibilidade de probar a conexión entre a túa tenda online e Stripe pagando produtos de maneira ficticia e comprobar que estes pagamentos se reflicten no teu panel de Stripe.

Esta opción é moi interesante. Podes activala e desactivala desde o menú esquerdo e ten en conta que as Claves API son distintas se estás en modo probas ou non o estás.

O meu consello é utilizar as claves do modo proba para facer unha compra. Se a ves ben, cambiar a modo real e, consecuentemente, mudar as novas claves API.

A partir de aí, xa recibirás pagamentos reais.

Claves API Stripe
Podes ver os datos de proba ou os datos reais

As opcións de Stripe no teu WooCommerce

Situado de novo na túa tenda online, preme o botón ‘Xestionar‘ da opción Stripe na opción de métodos de pagamento. Poderás configurar as seguintes opcións:

  • Activar/Desactivar: se queres activar este método de pagamento, selecciona esta opción.
  • Título: o título que verá o usuario sobre este método de pagamento. Habitualmente será ‘Tarxeta de crédito/débito’.
  • Descrición: como no resto de pasarelas, a descrición que pode ler o usuario ao seleccionar esta opción.
  • Variábeis do webhook: opción fundamental. Debes copiar a variábel do webhook que vén aí indicada: https://[tu-dominio.com]/?wc-api=wc_stripe e colala na páxina de Stripe.
    Para iso, sitúate na opción ‘Desenvolvedores’ → ‘Webhooks’ de Stripe. Selecciona ‘Engadir punto de conexión’, cola no campo URL o enderezo da variábel que copiaches en WooCommerce. A seguir, preme en ‘recibir todos os eventos’. Preme en ‘Engadir punto de conexión.
    Se todo vai ben, engadirase a variábel e tomará o estado ‘Activo’. Lembra facelo en modo probas (se o vas empregar) e en modo real.
  • Modo de probas: o que xa falamos. Se queres empregar o modo probas, activa esta opción e desactívaa cando vaias lanzar a túa web.
  • Clave publicábel: indica nesta opción a clave publicábel que previamente copiaches en Stripe.
  • Clave secreta: indica nesta opción a clave secreta que previamente copiaches en Stripe.
  • Sinatura secreta do webhook: sitúate na túa conta na páxina web de Stripe e fai clic enriba do Webhook que acabamos de engadir. Mostraranse unha serie de opcións, entre as que se encontra ‘Segredo de sinatura’. Copia esa clave e cólaa na túa tenda online.
  • Formulario integrado para a tarxeta de crédito: activar ou non esta opción simplemente muda a maneira de presentar o formulario onde se debe indicar a tarxeta de crédito na web. Proba ambos os estilos e queda co que máis che guste.
  • Descrición do extracto: en 22 caracteres podes indicar unha descrición da compra, que aparecerá nos detalles da conta bancaria do cliente.
  • Captura: se queres que Stripe realice o cobro inmediatamente, deixa esta opción activada. O meu consello é que así sexa.
  • Botóns de petición de pagamento: podes activar Apple Pay/Chrome Payment (Google Pay) activando esta opción. Se o desactivas, as tres opcións que veñen inmediatamente debaxo desaparecen.
  • Tipo de botón de petición de pagamento: podes seleccionar o tipo de botón que aparecerá entre varias opcións.
  • Tema do botón de petición de pagamento: selecciona o estilo do botón.
  • Altura do botón de petición de pagamento: selecciona o tamaño do botón.
  • Tarxetas gardadas: os usuarios rexistrados poderán pagar cunha tarxeta gardada. Esta tarxeta almacénase nos servidores de Stripe, non na túa tenda online.
  • Rexistro: podes activar un log que garde os diferentes estados polos que pasa o sistema ao realizar un pagamento, para comprobar erros.

Se indicaches todas as opcións correctamente, xa poderías comezar a capturar pagamentos e a aceptar tarxetas de crédito na túa web a través de Stripe.

Comisións de Stripe

As comisións de Stripe son máis baixas que as de PayPal.

Actualmente son 0,25 + 1,4% do importe para tarxetas europeas e 0,25€ + 2,9% para tarxetas non europeas.

TPV virtual. Pasarela de pagamento Redsys en WooCommerce

Actualmente, traballar con Redsys é traballar co procesador de pagamentos con tarxeta de crédito/débito máis empregado de España, tamén coñecido como Servired.

E isto é así porque a maior parte do sector da banca española traballa con esta plataforma de pagamento electrónica (podes ollar aquí que bancos utilizan Redsys, como o BBVA, o Banco Santander ou Abanca, por exemplo).

Para poder instalar Redsys en WooCommerce, primeiro has de chegar a un acordo co teu banco de confianza, para que che activen un TPV virtual. Isto é parecido a cando unha tenda física pide o típico datáfono ou pasatarxetas, mais neste caso para o integrar na túa páxina web.

Existen bastantes plugins que podes instalar para configurar o pagamento a través de Redsys, mais eu vouche falar do que considero o mellor que podes encontrar no repositorio oficial de WordPress e que é gratuíto: WooCommerce Redsys Gateway Light de José Conti.

Se as opcións desta extensión son escasas para o tipo de tenda ou as posibilidades de pagamento que manexas, existe un plugin premium do mesmo desenvolvedor, ou outros plenamente funcionais, que podes compralos en diferentes sitios de Internet.

Por último, cómpre salientar que o pagamento con Redsys se realiza nunha páxina externa á nosa, o que terá os mesmos problemas que xa vimos no caso de PayPal.

As opcións de Redsys no teu WooCommerce

Unha vez instalado o plugin que manexa a pasarela de pagamento Redsys, engádense varias pestanas máis nas opcións ‘WooCommerce‘ → ‘Axustes‘. Non te preocupes por elas, porque son propias da parte premium.

Na pestana pagamentos, podes ver que se engadiu a opción ‘Servired/Redsys‘, que configuraremos premendo en ‘Configurar‘. Como indica o propio plugin, a pasarela Servired/Redsys envía o teu cliente ao TPV da túa entidade bancaria, para ingresar a súa información para o pagamento.

  • Activar/Desactivar: se queres que se mostre este método ao cliente, actívao.
  • Título: o título que verá o cliente á hora de realizar o pagamento. O meu consello é que simplemente poñas ‘Tarxeta de crédito/débito’. Desde o meu punto de vista, ao cliente non lle importa se é Redsys ou Stripe e é máis, posibelmente non coñeza o que é cada cousa.
  • Descrición: controla a descrición ligada a este método, que o cliente ve na páxina de pagamento.
  • Logotipo: podes engadir unha icona/logotipo, que aparecerá á dereita do título na páxina de pagamento. Pode ser boa idea pór unha icona dunha tarxeta de crédito de confianza para o cliente (Visa, MasterCard etc.).
  • Número de comercio (FUC): este dato deberá proporcionarcho a túa entidade bancaria.
  • Nome de comercio: indica o nome do teu negocio.
  • Opcións de pagamento: podes seleccionar as opcións na pasarela de Redsys. Ten en conta que o sistema lupay xa non funciona, así que eu non o seleccionaría.
  • Número de terminal: este dato debe proporcionarcho a túa entidade bancaria.
  • Compatibilidade HTTPS SNI: esta é a opción máis complexa. Se a túa web está empregando un certificado de seguranza Let’s Encrypt, isto é, se no hosting se instalou este tipo de certificado para que a túa web sexa HTTPS, debes marcala.
    E direiche que é moi probábel que, se o certificado é gratuíto, si sexa Let’s Encrypt.
    Ademais, se estás a empregar o plugin Really Simple SSL ou outro semellante para redireccionar as peticións HTTPS, debes desmarcar nese plugin a opción de modificar o arquivo .htaccess e editalo (mediante FTP ou plugin instalado a tal efecto), engadindo a seguinte sentenza: RewriteCond %{QUERY_STRING} !^wc-api=WC_Gateway_redsys
  • Que facer despois do pagamento: selecciona o que desexas facer despois de que o cliente pague o seu pedido. O meu consello é que se marque o pedido como ‘procesando’.
  • Clave secreta de cifrado SHA256: este dato debe indicarcho a túa entidade bancaria.
  • Idioma da pasarela: dependendo do idioma da web, podes seleccionar o idioma da pasarela.
  • Executando en contorno de probas: o teu banco vaiche pedir que realices unha serie de probas, para o que debes ter esta opción marcada. Unha vez superadas esas probas, desmárcaa.
  • Rexistro de depuración: podes gardar os eventos xerados polo plugin nun arquivo de log, para revisalos.

Comisións en Redsys

Como a obtención do TPV virtual depende da negociación co teu banco, non existe unha cifra exacta do que che pode custar contratalo, mais fareiche unha estimación.

O banco cobrarache unha cota de alta, que habitualmente supera os 100€ e, ademais, pediranche un mínimo de facturación mensual ou cobraranche comisións por ter o TPV contratado.

Porén, a comisión que che reteñen de cada venda é bastante baixa, xa que habitualmente non chega ao 1%.

Amazon Pay para WooCommerce

Como seguro que sospeitabas, Amazon tamén ten a súa propia pasarela de pagamento, que podes integrar na túa tenda online. Para iso, o teu cliente debe ser tamén cliente de Amazon e ter unha conta activa na súa plataforma.

As comisións son semellantes ás de PayPal, aínda que mudan segundo o nivel de facturación. Para unha facturación de menos de 2500€/mes sería 0,35€ + 3,4% da compra.

Apple Pay para WooCommerce

Como xa vimos, podes engadir Apple Pay en WooCommerce co plugin de Stripe que che ensinei a instalar. Debes ter Apple Pay habilitado e os teus clientes poderán comprar cun só clic desde o seu iPhone, iPad, Apple Watch ou Mac.

Ademais, e isto é moi interesante, o botón de Apple Pay só se mostrará aos clientes que o teñan habilitado no seu dispositivo e estará oculto para o resto. Unha optimización moi interesante.

Google Pay para WooCommerce

Tamén podes engadir Google Pay (Chromium Payment) co plugin de Stripe que xa vimos.

Google Pay está integrado no navegador Chrome, así que empregando este navegador tamén poderás utiliar este método de pagamento.

Este método de pagamento, igual que o anterior, é o chamado pagamento a 1 clic, pola súa facilidade. Os datos de contacto e a tarxeta estarán previamente asociados a Google, así que o cliente non os terá que introducir de cada vez, será máis fácil para o cliente pagar e perderanse menos conversións.

Bizum para WooCommerce

Bizum é un sistema de pagamento polo que podes enviar e recibir diñeiro a través da APP do teu banco de forma segura, empregando soamente o número de teléfono.

Para poder integrar Bizum en WooCommerce, debes instalar un plugin que non se encontra no repositorio oficial e que está baseado en Redsys. Podes descargalo de xeito gratuíto desde aquí .

A configuración é moi semellante á pasarela de Redsys: precisas o FUC do comercio, a clave secreta e o número do terminal. Terás que ir ao banco para pedilas, realizar as probas e xa estaría.

Esta é unha opción que eu recomendaría estudar seriamente, porque Bizum é cada vez máis popular pola súa facilidade á hora de transferir diñeiro e a súa popularización entre os teus clientes axudará a mellorar as conversións.

Conclusións

Chegamos ao final. De verdade que non quería aburrirte, mais, como podes ver, configurar as pasarelas de pagamento por Internet na túa tenda online leva o seu.

Tamén porque é un aspecto fundamental que non podes pasar por alto.

Antes de acabar, dareiche uns consellos que has de ter en conta:

  1. A orde en que aparezan os métodos de pagamento na opción ‘WooCommerce’ -> ‘Axustes’ -> ‘Pagamentos’ será a orde en que aparezan na páxina de pagamento.
  2. Revisa as comisións de cada método para estudar cal é o máis rendíbel para a túa facturación e tipo de negocio. Non é o mesmo vender moitos produtos moi baratos que poucos moi caros
  3. Revisa a chegada do diñeiro á túa conta e canto tempo vai tardar.
  4. Que método dá máis confianza ao teu cliente? Para a tipoloxía de usuarios que tes, é mellor pagar dentro ou fóra?
  5. Ten en conta a seguranza. A túa web debe ser HTTPS!

Con isto, despídome. Que pasarela de pagamento utilizas ti? Léote!

Máis artigos sobre

Apúntate por email e leva o ebook . Máis de 500 autónomos xa o fixeron!

Conquista clientes sen perseguilos. Como pasar dunha marca invisible ao éxito en Internet