Até agora vimos varias das patas de como montar unha tenda online con WordPress e WooCommerce.
Mostreiche o potente que é todo o sistema e a morea de cousas que nos permite facer sen gastarnos apenas un euro.
Crear e configurar a túa tenda online non é difícil grazas a todas as ferramentas que temos á nosa disposición, mais leva tempo e dedicación.
Con todo, WooCommerce converteuse na plataforma de eCommerce preferida pola maioría das persoas que queren montar unha tenda online.
Son moitas as razóns, entre as que se encontra unha comunidade de persoas que crearon unha contorna ideal para a súa escalabilidade.
É dicir, en WooCommerce tes a capacidade de incluír moitas máis funcións das que veñen implementadas por defecto, grazas á instalación de plugins adicionais.
Vouche falar un pouco deles.
Plugins en WooCommerce, por que e para que valen?
Un plugin non é máis que un pequeno programa que engade unha funcionalidade que non é nativa de WordPress. Por exemplo, un formulario de contacto engádese mediante un plugin.
Pois especificamente para WordPress pasa algo parecido.
Non pensaches algunha vez por que hai certas cousas que se che quedan escasas á hora de configurares a túa tenda online?
Á hora de creares a túa tenda online talvez precises engadir novos métodos de pagamento, emisión de facturas automatizadas, lista de desexos ou outras funcionalidades que non son nativas.
Para iso utilizaremos plugins específicos. Podes encontralos de pagamento en diferentes localizacións ou gratuítos no repositorio de WordPress.
Déixoche unha selección de 11 funcionalidades que podes engadir ao teu WooCommerce, para facelo máis interesante e funcional.
Como instalar o pagamento con tarxeta no teu WooCommerce?
Dentro dos catro métodos de pagamento que WooCommerce trae por defecto, non se encontra ningún específico de tarxetas de crédito/débito.
De feito, a maioría dos que podemos seleccionar nin son automáticos nin son escalábeis.
Por iso, moitas tendas online apostan por integrar pasarelas de pagamento externas que acepten cargos contra tarxetas de crédito/débito. Capturan o importe no momento e o administrador da tenda non debe estar agardando a que o cliente pague máis tarde.
A miña recomendación neste caso sería apostar por unha destas dúas alternativas: Stripe ou Redsys.
Stripe é unha plataforma de pagamentos independente do teu banco, que captura a cantidade ao teu cliente e ingresa ese diñeiro nunha conta bancaria da túa propiedade. O pagamento está integrado na web, ten baixas comisións e o teu cliente non sabe que está a pagar a través desa plataforma
Podes instalar gratuitamente o plugin da pasarela Stripe publicado polo propio equipo de WooCommerce.
Redsys é a plataforma de pagamentos máis empregada en España e coa que traballa directamente a maior parte do sector bancario. Neste caso, funciona como un TPV clásico, así que debes chegar a un acordo coa entidade bancaria para que cho activen.
O pagamento realízase nunha páxina externa, á que o usuario é redirixido, mais adoita ter comisións baixas (dependendo do banco).
Existe un plugin oficial que podes descargar desde a páxina web de Redsys/Servired, mais eu quedo co gran traballo realizado por José Conti e o seu plugin gratuíto WooCommerce Redsys Gateway Light.
Podes pasar polo meu artigo dedicado a todas as pasarelas de pagamento que podes instalar no teu WooCommerce, onde chas presento e tamén che ensino a configuralas.
Como montar unha tenda online multilingüe?
Se teño que falarche da aposta gratuíta máis seria para facer políglota o teu WordPress, direiche sempre que apostes polo plugin de Polylang.
Polylang é un plugin freemium, é dicir, ten versión libre e versión de pagamento, que che permite crear sitios web multilingües. Podes establecer cantos idiomas queiras e aplicar efectivas traducións a páxinas, entradas, categorías, etiquetas, menús etc.
Ademais, podes configurar as URL’S para que se mostren dunha ou outra maneira, dependendo do idioma.
Mais se o que queremos é traducir a nosa tenda online, só coa versión gratuíta de Polylang non será abondo. Cómpre instalarmos outro plugin a maiores.
E aquí tes alternativas, porque existen varias opcións a instalar que te axudarán nesa tarefa, mais na miña experiencia o que mellor resolve sempre estas situacións é o chamado Hyyan WooCommerce Polylang Integration.
Con este plugin, xunto coas funcións que trae Polylang por defecto, poderás traducir os produtos, as categorías de produto, as etiquetas do produto, os atributos, as clases de envío, os pedidos, os cupóns, os correos electrónicos e moitas outras características máis.
Se andas á procura dunha alternativa políglota básica, pola que non queiras rascar o peto máis do necesario, esta combinación é a túa.
Como emitir facturas na miña tenda online con WooCommerce?
Unha das cousas que máis me preguntan os meus clientes é pola creación de facturas de maneira automática.
E iso é normal.
Emitir unha factura pola venda dun produto e enviarlla ao cliente debería ser unha boa práctica a implementar en todos os comercios electrónicos.
Para iso, a miña elección é o plugin WooCommerce PDF Invoices & Packing Slips que podes descargar gratuitamente desde o repositorio de WordPress.
Simplemente con instalalo e activalo, o plugin comezará a achegar a factura en PDF do pedido ao correo electrónico que ti escollas, entre os que WooCommerce envía ao cliente.
Tamén poderás xerar e descargar ti mesmo todos os PDF das facturas e os comprobantes de envío, por se os necesitas tanto para a contabilidade como para a xestión da túa tenda online.
Tes a opción de personalizar o código de cada factura, é dicir, colocar un número incremental a cada unha delas, xunto cun prefixo e un sufixo.
Por último, poderás crear ou modificar modelos de factura para adaptalas o máximo posíbel á túa imaxe corporativa, aínda que eu che recomendo non gastar demasiado tempo nisto. Con incluíres o teu logo, xa me parece máis que abondo.
Se todo isto non che chega, están á túa disposición varios módulos premium para crear facturas proforma, tickets para imprimir ou modelos predeseñados, entre outros.
Deseña unha lista de desexos nunha tenda online
Unha lista de desexos en WooCommerce é unha característica moi interesante, que podes incluír na túa tenda online.
Grazas a ela, os usuarios poden ir facendo unha lista cos produtos que máis lles gustan e poden voltar a eles rapidamente. Imaxina que estás a buscar un agasallo de aniversario e botas un ollo a máis de 30 produtos. Se non vas engadindo os que máis che gustan á lista de desexos, será difícil e custoso voltar a eles de novo.
Ademais, a lista pode compartirse por redes sociais ou quedar gardada aínda que o usuario saia da páxina. Isto permite que poida voltar a ela cando queira no futuro.
O plugin gratuíto que máis me gusta para implementar unha lista de desexos é YITH WooCommerce Wishlist.
Unha vez instalado, os teus clientes poderán gardar os seus produtos favoritos e voltar a eles máis tarde, para compralos ou crear e compartir as súas propias listas de desexos.
Unha das cousas que máis me gusta é que é compatíbel coas variacións de produtos. É dicir, se por exemplo nunha camiseta podes elixir diferentes tamaños e cores, o plugin recoñece e garda o tamaño e a cor desexadas.
Ten versión premium, onde podes manexar moitas máis opcións, mais a parte básica para comezar é máis que suficiente, así que aquí che queda.
Comparador de produtos en WooCommerce
Outro plugin que me parece moi interesante é o comparador de produtos.
Como o seu propio nome indica, serve para comparar dous ou máis produtos que hai na túa tenda online, o que permite ao usuario ter unha referencia máis clara das semellanzas ou diferenzas que existen entre eles.
O plugin que máis me gustou para implementar estas características foi o YITH WooCommerce Compare, cuxa versión gratuíta podes descargala desde o repositorio de WordPress.
O funcionamento é sinxelo. Mediante un botón situado na ficha de cada produto, o teu cliente poderá ir engadindo os que desexe a unha táboa comparativa, onde poderá ver as diferenzas entre eles.
As características visíbeis na táboa son configurábeis. Podes mostrar só o nome e o prezo, ou engadir todas as opcións que sexan útiles na túa estratexia.
Como configuro tarxetas agasallo en WooCommerce?
Cada vez máis tendas online están implementando este tipo de produtos, que levan presentes desde hai xa moitos anos no comercio offline, unha práctica que axuda a fidelizar clientes e aumenta o volume das vendas.
Unha tarxeta de agasallo facilita enormemente a vida do teu cliente cando ten en mente realizar un obsequio a outra persoa, ao non perder o tempo en buscalo ou equivocarse á hora de elixir un concreto.
Co plugin YITH WooCommerce Gift Cards (si, outro máis de YITH, o terceiro da lista) podes crear tarxetas de agasallo e ofrecer que os teus usuarios poidan enviárllelas a outras persoas por email ou en formato físico.
Crea un novo tipo de produto “tarxeta agasallo”, establece o seu importe e sube diferentes deseños entre os que poida escoller o comprador. Tamén permite reencher unha serie de datos do destinatario, entre os que se encontra unha dedicatoria personalizada.
Aínda que na miña opinión o plugin gratuíto é demasiado limitado se o comparamos co plugin premium, para as funcionalidades máis básicas si podería ser unha boa opción a elixir.
Como insertar un sistema de procuras nunha tenda online
Outra opción interesante que podes incluír na túa tenda online é un sistema de procura de produtos máis funcional e intuitivo que o que WordPress nos dá por defecto.
Para iso, gústame utilizar o plugin Ajax Search for WooCommerce, co que podes colocar unha barra de procura avanzada mediante AJAX.
AJAX é unha tecnoloxía que permite facer peticións ao servidor e mostrar resultados sen necesidade de recargar a páxina. Por exemplo, pensa cando estás a seleccionar filtros na túa tenda online e os produtos xa se actualizan ao instante, sen necesidade de darlle a un botón que recargue a páxina.
Esta barra de procura avanzada permítenos moitas posibilidades: podemos buscar por título ou descrición, por SKU, por categorías ou por etiquetas.
Ademais, suxire solucións en vivo. É dicir, non é preciso ir a unha páxina de procura diferente para ver os resultados, senón que estes van aparecendo no momento en que nós escribimos na barra de procura.
Estes resultados en vivo son moi configurábeis. Podemos mostrar a imaxe, a descrición ou o prezo do produto, configurar diferentes tipos de ordenamento ou o número de resultados a mostrar.
Configura diferentes prezos de envío en función do peso dos produtos
Non me quería esquecer dun plugin que me sacou máis dunha vez dun apuro á hora de configurar os prezos dos envíos segundo o peso total dos produtos.
E é que, por defecto, podes indicar diferentes prezos segundo a área xeográfica á que vaias realizar o envío. Isto é, podes dicir que na túa mesma provincia o prezo sexa un e no resto outro distinto. Mesmo se envías a outros estados, tamén podes configuralo.
Mais algo que é común e que non se pode facer sen a instalación dun plugin, é indicar diferentes prezos do envío segundo o seu peso nas distintas zonas que configuraches.
É dicir, non custa o mesmo enviar un paquete de 250 gramos que de 7 quilos. É obvio.
Pois para sacarnos deste apuro está Table Rate for Woocommerce by Flexible Shipping.
A min funcionoume ben para este propósito, sendo capaz de incluír bastantes zonas con varios prezos de envío diferentes en cada unha en función do peso final do paquete.
Como engadir pestanas á ficha de produto en WooCommerce
Para min, un dos imprescindíbeis nas tendas online que teñan xa certa entidade, debido á capacidade que nos permite para engadir contido.
Por defecto, WooCommerce créanos 3 seccións que se mostran na ficha de produto en formato de pestanas: “descrición”, “información adicional” e “valoracións”. Mais non nos permite engadir ningunha outra extra que amplíe opcións ou información.
Isto é algo que podemos facer con Custom Product Tabs para WooCommerce, que permite engadir as pestanas personalizadas que nos interesen.
Estas pestanas engadiranse á dereita da pestana “descrición” e poden configurarse de xeito diferente en cada produto, ou tamén crealas a nivel xeral.
Galerías de imaxes na ficha de produto de WooCommerce
Se necesitas personalizar ou cambiar a maneira que ten de mostrarse a galería de imaxes de cada produto, eu probaría Dynamic Product Gallery for WooCommerce.
As imaxes son unha das ferramentas máis potentes que temos á hora de vender, xunto cos textos, así que a súa calidade e a maneira de mostralas deben estar presentes en todo momento.
Este plugin permíteche transformar a galería clásica nunha galería máis atractiva, con cambio de imaxes automático e controis de desprazamento. Poderás tamén configurar os anchos e altos, ou mostrar subtítulos por cada imaxe.
Personaliza os textos dos elementos da túa tenda online
Por último, un plugin que me parece moi interesante se, pola tipoloxía da web ou o produto que vendes na túa tenda online, cómpre mudar os textos que trae por defecto WooCommerce.
Textos como por exemplo o dos botóns, as ofertas, a tenda, a páxina do produto, os cupóns, os espazos de verificación etc. poderás mudalos con WooCommerce Customizer.
Conclusión
Como podes comprobar, existen alternativas gratuítas para mellorar a túa tenda online. Eu presenteiche 10, mais existen moitas máis, tamén con funcionalidades de pagamento.
Lembra que montar a túa tenda online non é só instalar ou configurar as ferramentas, senón tamén planificación e selección dos plugins correctos.
Podes ampliar as funcionalidades todo o que precises, aínda que a miña recomendación é que teñas coidado instalando complementos, porque talvez se resinta a velocidade de carga.
Espero que che gustase!